“Enredadas” son:

Carmen París: piano e voz
Martirio: voz
Uxía: voz
Ugia Pedreira: voz
Marcos Teira: guitarras
Sérgio Tannus: guitarra española e viola caipira

O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense no proxecto “Enredadas: Coplas e Alalás”, que suma para o concerto de peche do Cantos na Maré voces da Lusofonía que se unirán a este cuarteto.

Enredadas naceu co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.

A afinidadade que senten vén dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raíz e de irmandade.

Teñen en común moito máis do que parece a simple vista. Todas loitaron por un labor necesario de reconversión da canción popular española, da copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais… Comparten tamén a creatividade e o compromiso coa música. Son letristas ou amantes da boa poesía, das cancións de onte, de hoxe e de sempre. Rodéanse de grandes músicos e beben directamente da mellor tradición do cancioneiro latinoamericano.

Hai na música de todas elas lixeireza, non exenta de ambición, “jondura” ou beleza. Intercambiarán repertorio e cantarán xuntas nun acto de admiración mutua e de amizade. O espectáculo amosaranos a catro mulleres que souberon depurarse, reinventarse a si mesmas para ofrecerse reais e verosímiles.

Abordarán musicalmente o repertorio arroupadas polas guitarras de Sérgio Tannus e Marcos Teira, creando texturas ben curiosas entre as cordas que as acompañarán, as voces, as percusións e o piano de Carmen París.

 

© Cantos na Maré 2019 | Todos os dereitos reservados